Thursday 09 de May de 2024

O Museo Arqueolóxico organiza este sábado unha xornada informativa sobre o centenario do descubrimento da tumba de Tutankamón


As persoas interesadas en participar poden inscribirse a partir do mércores

Catro arqueólogos achegarán a importancia deste gran descubrimento e o seu significado para a historia da exiptoloxía

A xornada rematará cunha sesión informativa sobre a colección dos 76 obxectos procedentes de escavacións en Exipto e Sudán depositados no museo coruñés

O Museo Arqueolóxico e Histórico organiza o próximo sábado, 5 de novembro, unha xornada informativa sobre o descubrimento da tumba de Tutankamón, coincidindo coa celebración do centenario deste acontecemento. A actividade culminará cunha explicación detallada sobre a colección de obxectos exipcios existente no Museo do Castelo de Santo Antón.

As persoas interesadas en participar na xornada poden chamar a partir das 10 horas do mércores día 26 ao teléfono do Museo Arqueolóxico, 981 189 850, para inscribirse. Hai habilitadas 30 prazas para poder asistir.

Coincidindo co primeiro centenario do descubrimento da tumba de Tutankamón nas beiras do Nilo, o Museo Arqueolóxico e Histórico propón esta interesante viaxe desde Exipto á Coruña. Para iso, catro arqueólogos achegaran este gran descubrimento e o seu significado para a historia da exiptoloxía.

Na sesión, abordaranse aspectos tan variados como os achados arqueolóxicos no mar Vermello, as campañas arqueolóxicas no deserto oriental exipcio e en concreto sobre o denominado Sikait Project sobre a extracción de esmeraldas, as lendas e o turismo xerado ado Sikait Project sobre a extracción de esmeraldas, as lendas e o turismo xerado polos descubrimentos arqueolóxicos e do papel da arqueoloxía galega actual nas terras dos faraóns.

A xornada, denominada Arqueoloxía en Exipto. Do val do Nilo á Coruña, contará con dúas charlas pola mañá e outras dúas pola tarde, culminando cunha sesión informativa sobre a colección de obxectos exipcios do Museo de Santo Antón.

No Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón custódiase unha colección de pezas procedentes das escavacións realizadas nos anos sesenta por un equipo multidisciplinar español, en Exipto e Sudán, nos xacementos ameazados polas augas da presa de Asuán tras o chamamento da Unesco.

A maior parte dos materiais resultantes destas intervencións nas necrópoles nubias de Masmas, en Exipto, e nas de Argín sur e a illa de Abkanarti, en Sudán, está no Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), excepto algúns obxectos que quedaron en Exipto e Sudán, e as 76 pezas que están no museo coruñés.

No ano 1969 a Dirección Xeral de Belas Artes dispuxo que este conxunto de pezas fose doado ao Museo de Santo Antón, inaugurado pouco tempo antes (5 de outubro de 1968), xa que se exhibiron na Casa de Cultura desta cidade entre xullo e setembro de 1969 nunha exposición temporal organizada polas Direccións Xerais de BBAA e Relacións Culturais dos ministerios de Educación e Ciencia e Asuntos Exteriores, respectivamente, e patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza.

O conxunto de Santo Antón fórmano 76 pezas entre as que se atopan unha mesa de ofrendas, vasos cerámicos, cuncos, ánforas, lucernas e doas de colar. As pezas reflicten todo un universo de crenzas relixiosas e ritos funerarios dos grupos culturais que viviron no territorio ao sur de Exipto, desde a época faraónica, pasando polo denominado Grupo C, o período meroítico (reinos de Kush e de Meroe), o Grupo X, o cristián e o bizantino.